Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia
Aquí están sen dúbida os areais máis finos, como espellos de sol, e as aguas coas mellores propiedades do océano, frías e máis salgadas ca no interior das rías.
Nas Cíes, a colonia de gaivotas máis numerosa das nosas costas, cunhas 22.000 parellas reproductoras, abouxan en época de cría nos cantís do mar de fóra.
Dende o barco que nos leva son a plácida silueta de tres illas que enredan a ser dúas. A do Norte ou do Monte Agudo únese á Illa do Medio ou do Faro pola barra areeira da praia de Rodas, co lago dos Nenos ao fondo. A Illa do Sur ou de San Martiño permanece afastada das outras por una canle que ten o título de porta do mar.
Existen ademais unha serie de illotes que se engarzan baixo a superficie cuns fondos mariños de enorme biodiversidade, dende bosques de algas ata todo o marisco e especies de mesa, en espazo protexido.
Ons e a súa irmá Onza pechan a ría de Pontevedra cunha liña de costa alzada case a regra. Pola contra, a parte non visible dende terra é extremadamente sinuosa e propicia para a formación de furnas e cons orlados de salseiros. A paisaxe submarina desta cara oceánica é de paredes verticais ateigadas de vida gracias ao afloramento de augas profundas ricas en nutrientes. Nisto comparte características coas Cíes. Co todo, a simple vista as Ons presentan menos vexetación arbórea na superficie emerxida.
O arquipélago de Sálvora, no extremo occidental da ría de Arousa conta cun grande número de illotes, zona difícil para a navegación que xa ten coñecido algún naufraxios. A illa principal malia ter algunhas construcións particulares non ten dispoñible un servizo de acceso turístico na actualidade. As pequenas illas de Vionta, Herboso e Noro están consideradas totalmente zonas de reserva limitadas a traballos de investigación e seguimento dos seus valores ambientais. No interior deste mar de Arousa, deproverbial riqueza biolóxica, a illa de Cortegada aproxímase case a tiro de pedra do porto e paseo de Carril, en Vilagarcía de Arousa. Malia esta proximidade e unha complicada historia de propiedades, Cortegada e as veciñas Malveiras achegan á rede de Parques Nacionais valores naturais de seu como un bosquete único de loureiros.
Non circulan vehículos, e o número máximo de visitantes establecido nas Cíes en 2.200 persoas diarias garanten a tranquilidade. Nas dúas illas principais unidas pola praia e unha pequena ponte, todos os vieiros están indicados partindo do embarcadoiro de Rodas. Os itinerarios principais conducen ata cada un dos tres faros existentes. Combinados cos dous observatorios a visitar permiten percorrer as illas sen penetrarmos na zona de reserva que ampara os cantís e furnas da punta norte do Cabalo á punta sur de Canabal.
No traxecto máis longo ata Monte Faro, cara ao sur, descubrimos ademais da Praia e do lago o observatorio da Campá sobre a rocha viva e estrondosa de gaivotas. Na parte final, antes do ascenso en zigzag ao faro, podemos achegarnos ata o poboado castrexo. Aínda que foran bautizadas como Siccas (“áridas”) e hoxe permanezan deshabitadas, fican sinais abondos de que foron poboadas dende antigo por monxes ermitáns e pescadores.
Na illa de Ons os traxectos parten do embarcadoiro da praia Area dos Cans e o grupo de casas do Curro erguidas ao redor do peirao. Podemos optar por subir ao miradoiro do Faro entre as construcións dos “illáns” que vivían tradicionalmente do polbo e do marisco ata que comezaron a despoboarse a mediados da década dos anos 70. Ou tamén cara aos extremos, ben ao norte sitúarmonos na solitaria e fermosa praia de Melide; ben cara ao sur, por diferentes carreiros daremos chegado ata a Cova e Burato do Inferno, unha furna con forma de pozo onde se escoita bruar o mar nas entrañas da terra.
Os billetes de embarque para Cíes emítense co regreso pechado en día e hora. Non existe transporte regular para saltar dunha illa a outra, pero pódense realizar cruceiros turísticos para visitar en conxunto os ecosistemas das rías, con especial importancia das bateas.
Tamén para observarmos a actividade productiva o peirao e paseo de Carril ofrecen boas leccións de marisqueo co seus parques de cultivo de ameixa e berberecho. Son a única fronteira da illa de Cortegada que nos amosa en primeiro plano o seu espeso piñeiral.