A ruta da Camelia

25/08/2017

Pazos e xardíns

Para completar esta ruta visitarás determinados enclaves das provin­cias da Coruña e Pontevedra que se especifican deseguido. Ao longo dela poderás pasear, ulir e admirar as peculiaridades destes tradicionais xardíns galegos.

Durante todo o ano son diversas as exposicións e concursos que se ce­lebran en distintas localidades de Galicia, xa que a calidade e varieda­de dos exemplares son reclamo para afeccionados e expertos coleccionis­tas a nivel internacional.

O percorrido empeza no Pazo de Mariñán, no municipio coruñés de Bergondo. A construción localízase nun gran predio situado nas marxes do río Mandeo. O xardín francés, con parterre xeométrico, está for­mado por paseos de buxo e plata­neiros, ademais de azaleas, hedras, roseiras, espécimes centenarios de Clethras e, por suposto, gran variedade de camelias.

En Santiago de Compostela destaca desde o punto de vista botánico a Ala­meda, situada no centro da cidade. Neste tranquilo lugar, xunto á Car­balleira de Santa Susana, e á sombra de plataneiros e palmeiras, é onde florecen espléndidas as camelias chamadas «xacobeas».

Os exemplares de camelias do xardín do Pazo de Santa Cruz de Ribadulla destacan pola súa beleza e gran ta­maño. O espazo botánico ornamental que se conforma é, segundo os exper­tos, o máis fascinante de Galicia, moi arrequecido no século XIX por Iván Armada, que aumentou considera­blemente a colección de plantas. Este magnífico exemplo de xardín galego distribúese entre zonas máis selváti­cas e outras máis xeométricas. Ade­mais, conta cun antigo invernadoiro de cristal. Neste idílico enclave re­fuxiouse o intelectual e político Gas­par Melchor de Jovellanos durante a ocupación napoleónica a principios do século XIX.

Coñecido como o «Versalles gale­go», o Pazo de Oca posúe uns xar­díns amurallados nos que é de sa­lientar o grande estanque a modo de río que os cruza —onde hai unha barca pétrea chea de vexetación— e mais a cor encarnada das camelias florecidas. Camiñando, desembo­carás no espectacular paseo dos Tileiros. Perpendicular á fachada principal érguense a igrexa de esti­lo barroco e un vistoso corredor de arcos que a comunica co edificio, de uso privado; no seu interior des­tacan mobles e obras de arte que abranguen varios séculos.

A Casa da Matanza ou Casa Museo de Rosalía de Castro, onde morreu a grande escritora en 1885, perma­nece practicamente inalterada na súa estrutura orixinal. No seu inte­rior consérvanse fotos de familiares e amigos da intelectual, así como re­cordos persoais, escritos e diversos obxectos cotiáns da Galicia do sécu­lo XIX. Dos xardíns da casa destacan varias camelias.

En Vilagarcía de Arousa pódese visitar o Pazo de Rubiáns, de orixe medieval, e o seu extenso bosque axardinado, dunha sobriedade coa que rompen as vistosas camelias, algunhas delas da famosa variedade Eugenia de Montijo. A singularida­de deste espazo fíxoo merecedor da mención de Xardín de Excelencia Internacional. Con adega de seu, onde se produce viño da D. O. Rías Baixas, esta pódese visitar para par­ticipar nunha cata. Durante a visita guiada han mostrarche o interior do pazo e mais a súa capela.

O xardín do Pazo de Quinteiro da Cruz, situado en Ribadumia, está rodeado por viñedos da D. O. Rías Baixas, con adega propia, e por bosque autóctono. A auténtica protagonista da zona axardinada, na que crecen multitude de espe­cies exóticas e tropicais, é a camelia; aquí florecen uns 5.000 exemplares de máis de mil variedades. Outro exemplo de pazo con adega é o de Fefiñáns, en Cambados.

Edificado no século XVIII, o Pazo da Saleta, en Meis, conta con cape­la e pombal, como era propio destas construcións señorís, nas que tam­pouco faltaban soberbios xardíns. No que rodea esta mansión rural hai plantadas máis de duascentas va­riedades de camelias e foi obra do matrimonio británico Gimson, que, tras adquirir o edificio nos anos 60 do século XX, ideou un xardín bo­tánico de estilo inglés con especies dos cinco continentes e converteuno nun dos máis salientables de España.

As orixes do Pazo de Lourizán re­móntanse ao século XV, aínda que o edificio actual, de estilo modernista, levantouse no XIX. As 54 hectáreas de terreo foron destinadas a usos variados ao longo da súa existencia, como a granxa ou centro de inves­tigacións forestais. A presenza, en abundancia, de gran variedade de camelias converte a zona axardina­da nunha explosión de cor.

As camelias e as rosas mestúran­se no xardín do Castelo de Souto­maior, onde foron ocupando cada vez máis protagonismo ao longo dos anos. As delicadas flores rodéanse de castiñeiros centenarios e de espe­cies vexetais dos cinco continentes. Igual que o de Rubiáns, Soutomaior tamén conta coa distinción de Xar­dín de Excelencia Internacional.

Desde o Parque do Castro terás as mellores vistas da ría de Vigo e des­cubrirás o pasado romano da cidade, pero tamén poderás gozar das ca­melias que medran entre laranxei­ras e cipreses.

O xardín que rodea o Pazo-Museo Quiñones de León, convertido en museo municipal que exhibe co­leccións de arqueoloxía, pintura e artes decorativas, ofréceche a opor­tunidade de dares un agradable paseo entre infinidade de especies vexetais en plena cidade de Vigo. É a finais de febreiro cando as ca­melias en flor se mostran en todo o seu esplendor.

Os xardíns galegos atesouran moitas sorpresas. Non dubides en achegarte ao Pazo de San Lourenzo de Tra­souto, en Santiago de Compostela, que conserva magníficos exemplares de camelias e un xardín repleto de sebes de buxo que debuxan símbolos alegóricos do cristianismo.

Así mesmo, o Pazo do Faramello, edificado a comezos do século XVIII entre Santiago e Padrón, está rodea­do por un terreo de 126.000 metros cadrados no que se atopan bucóli­cas zonas axardinadas. Parte dos seus parterres están construídos sobre unha antiga fábrica de papel á beira do río que o cruza.

Comentarios

Easy Galicia SLP ha sido beneficiaria del Fondo Europeo de Desarrollo Regional cuyo objetivo es mejorar el uso y la calidad de las tecnologías de la información y de las comunicaciones y el acceso a las mismas y gracias al que ha podido optimizar su  sistema de ventas y gestión de reservas para incrementar sus ventas y mejorar su productividad. La acción ha tenido lugar en el año 2017 y para ello ha contado con el apoyo del Programa TicCámaras  de la Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.”   

Una manera de hacer Europa