O Camiño de Santiago

02/08/2017

Os primeiros peregrinos, no século XI, acudían só desde o interior dos reinos de Galicia e Asturias. Pero cunha rapidez sorprendente comeza Compostela a atraer viaxeiros e peregrinos doutros reinos cristiáns, mesmo de alén das nosas fronteiras. O primeiro, de quen coñecémo-lo nome, é francés, Godescalc, obispo de Puy, que chegou a Compostela no ano 951. A afluencia de peregrinos comeza xa a ser grande e, antes de terminar este século, é necesario organiza-la hospedaxe, que empeza a facerse nos mosteiros: San Martín de Albeda, San Millán de la Cogolla, San Juan de la Peña, Samos, Sobrado...

Son moitas as causas e os motivos que aducen os historiadores para explica-la febre dos francos por atravesa-los Pirineos. Para algúns son motivos políticos. O papado e Cluny estaban decididos, por razóns de propia seguridade, a axudar ós reinos do norte de España, facendo así máis remota a posibilidade dunha invasión musulmana. Motivos de curiosidade e afán de aventuras. Moitas veces son intereses comerciais ou intercambios culturais. Algunhas veces, tamén, afán de rapina e explotación dos desamparados camiñantes. Pero non cabe dúbida de que en case tódolos casos, subxace o motivo relixioso.

A peregrinación era naIdade Media un símbolo da vida do cristián, un camiñar inseguro cara a morada eterna.

Os cabaleiros do século XV viñan para participar en torneos e coñecer outras terras, aínda que sempre facendo gala de piedade. E non son só os francos. Italianos como Giordano de Ribalta que se xactaba de ter estado tres veces en Roma e catro en Santiago. Jean van Eyck, o pintor holandés que representou na súa Anunciación o interior da catedral. John Goodyear o inglés que doou un precioso alabastro ó tesouro compostelán, ou aqueles catro barcos alemáns que partiron do porto de Hamburgo por un insólito Camiño de Santiago mariño. Todos eles antes de remata- lo século XV. Todos para venera-los restos do discípulo de Cristo e darlle a ritual aperta ó Apóstolo.

Un dos máis famosos e coñecidos peregrinos medievais de Compostela é o francés Aymeric Picaud, monxe da localidade francesa de Poitou. A súa sona venlle de escribir unha crónica da súa viaxe, polo ano 1130, minuciosa e detallada, con infinidade de consellos e recomendacións para os camiñantes. Esta crónica, co título de Guía do Peregrino de Santiago de Compostela, está recollida nun dos máis preciosos documentos que se conservan na biblioteca da catedral compostelá: O Códice Calixtino. A esta Guía do Peregrino é obrigado facer continua referencia sempre que se fala do antigo Camiño Francés.

A Guía do Camiño de Santiago de Aymeric Picaud, dio con claridade francesa: “Hai catro rutas que levan a Santiago e reúnense nunha soa en Puente La Reina, en territorio Español; ... a partir de alí un só camiño conduce a Santiago”. De Arles, preto de Marsella, partía a primeira, a única que atravesaba os Pirineos por Somport. De París, Vézélay e Le Puy partían as outras tres, que entraban en Navarra por Roncesvalles. Estes eran os clásicos camiños polos que discorrían intermitentemente os peregrinos de Compostela.

Bo calzado, roupa curta e esclavina. Bastón para apoio e defensa. Cabaza para a auga ou o viño. Un pequeno saco e un chapeu de á ancha. Todo iso configura a típica estampa do peregrino desde a Idade Media. A cuncha de “vieira”, que xa aparece nos camiñantes da mitoloxía pagana, é o principal recordo que traen os peregrinos de Galicia, xa que nas súas costas abonda este molusco. Despois cósese ó chapeu, ó saco e á esclavina ata convertirse no emblema e no salvoconducto do peregrino. En Santiago existía o barrio dos Concheiros, que aínda conserva este nome. Era onde se vendían as cunchas de vieira, ou as súas imitacións en metal, cun monopolio outorgado polo Arcebispo e ratificado polos papas.

O peregrino ou o viaxante moderno, non motorizado, que percorre o camiño, non adoita levala vestimenta clásica, pero algo o distingue do simple camiñante, cando baixa o porto de Poio, por Triacastela, ou atravesa a montaña de Arzúa e Melide.

Antes era polo cumprimento dun voto, para librarse dunha penitencia, para cumpri-lo desexo dun defunto, mesmo por imposición xudicial. Hoxe é máis frecuente facelo para revivi-lo noso pasado, descubri- la nosa cultura e a nosa historia, admirala harmonía do románico ou, simplemente, para recrearse na contemplación das paisaxes da Terra de Santiago.

En tempos pasados, ó regresar de Compostela, ofrecíase o vestido, con todo o equipo de viaxe, a algún santuario ou se reservaba para asistir ás procesións vestido con el. Agora do camiño de Santiago gárdanse álbums de fotos, unha cuncha de vieira, un botafumeiro de prata e, sobre todo, un recordo inesquecible de todo o que se viu e viviu.

Comentarios

Easy Galicia SLP ha sido beneficiaria del Fondo Europeo de Desarrollo Regional cuyo objetivo es mejorar el uso y la calidad de las tecnologías de la información y de las comunicaciones y el acceso a las mismas y gracias al que ha podido optimizar su  sistema de ventas y gestión de reservas para incrementar sus ventas y mejorar su productividad. La acción ha tenido lugar en el año 2017 y para ello ha contado con el apoyo del Programa TicCámaras  de la Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.”   

Una manera de hacer Europa