Coñeces Galicia?
Ao longo da Historia foron moitos os pobos que trataron de conquistarnos, pero, rendidos ante os misterios que atesouramos, acordaron quedar durante séculos.
As pedras son testemuña, desde os petróglifos e os dolmens ás murallas que edificaron os romanos, pasando polas ducias de castros que hai. Paseniño fóronse levantando formidables mosteiros e catedrais que culminaron na obra mestra construída en Santiago de Compostela.
Velaquí a casa que lles ofrecemos aos peregrinos que chegan desde todas as partes do mundo para se deixar purificar polo botafumeiro tras esgotadoras xornadas de camiño de Santiago . Xornadas entre paisaxes nas que se pode apreciar unha infinita gama de verdes en fragas arrodeadas por neboeiras e herbais habitados por vacas e agricultores, que, xunto aos pescadores e mariscadores, representan mellor ca ninguén o esforzo e o traballo duro.
Grazas a eles, podemos deleitar os visitantes cos máis exquisitos manxares . A bravura do mar fai crecer os mellores percebes e no sosego das rías críanse sabedeiras ameixas, vieiras e mexillóns . Nas terras do interior gábanse de preparar o polbo máis rico, pero taménteñen os mellores queixos , grelos , patacas e pan.
Somos especialistas en enfornar empanadas de millo, de berberechos, de zamburiñas e de todo o que corra, voe ou nade; en cocidos ; en tortillas; en mariscadas; en acompañar as xoubas con pementos de Padrón (D.O.P. Pementos de Herbón) ; en asar castañas; en reencher centolas e en lles aplicar innovadoras técnicas a uns produtos naturais que se transforman en ouro nas mans dos novos chefs.
O sabor e singularidade dos viños que amparan as denominacións de orixe do Ribeiro, Ribeira Sacra, Rías Baixas, Valdeorras ou Monterrei amenizan xuntanzas, e nas sobremesas non poden faltar o licor café , a augardente de herbas ou unha máxica queimada acompañada de conxuros. Saltamos as ondas buscando a fertilidade, inzamos as praias de cacharelas na noite de San Xoán , temos pedras con poderes curativos, herbas nos cantís que fan nacer o amor e fontes nas que abrollan augas milagreiras.
Se nos visitas, descubrirás recunchos privilexiados onde os ríos cobreguean encaixados entre viñedos, areais brancos e finos bañados por un océano indómito , ilas medievais e pesqueiras con olores a mar que che quedarán gravados na memoria, monumentos Patrimonio da Humanidade e illas onde habitan especies únicas. Vivir Galicia ha proporcionarche unha experiencia diferente. Vaste afastar da rutina, percorrer a natureza máis pura, perderte no misterio e atopar a paz.